domingo, 13 de marzo de 2011

O veo que non deixa ve-lo bosque

Primeiro: o hiyab é un símbolo relixioso e, xa que logo, non se pode comparar cunha gorra, viseira ou disfrace.

Segundo: nun contexto autoritario ou de réximes teocráticos nos que viven as mulleres dos países musulmáns, o seu uso enténdese como imposición e opresión. Pero tamén hai outras mulleres, crentes musulmás, que viven en réximes democráticos e deciden libremente cubri-la súa cabeza co hiyab como xeito de vivi-la súa fe, aínda que neste contexto democrático tamén se dan a imposición e a falta de liberdade das que son vítimas as mulleres.

Terceiro: en referencia ó caso de Arteixo que provoca este comentario, sería unha hipocrisía falar de liberdade cando se trata dunha menor sometida á autoridade paterna.

Cuarto: o Colexio e o Consello Escolar fiixeron agromar un problema que non existía e actuaron de maneira torpe e descoidada. Loxicamente a súa decisión tívose que adoptar unha vez comezado o curso, pero o sentido común fainos pensar que a norma que prohibe o hiyab nese centro fíxose ad hoc contra a menor. Actuouse con premeditación e aleivosía porque o propósito que se buscaba era, é, a expulsión da cativa, ou coaccionala para que renunciase a levar o hiyab . Máis lóxico tería sido aproba-la norma - se o consideraban necesario nun centro no que "o problema" somente se centraba nunha persoa- pero aplicala ó curso seguinte para non causarlle á alumna máis dano e así darlle a posibilidade de cambiar de centro de forma regulamentaria.

Quinto: o da Xunta responde máis á actitude de Pilatos cá dun xestor educativo con sensibilidade social. As declaracións varias dos seus responsables defendendo a autonomía do centro e xustificando a medida poden valer para outras cuestións pero neste caso hai que prioriza-lo dereito á educación da alumna e deixalo ben clariño dende o principio.

Billete de volta

Despois dun período de ataraxia e galbana derivado dun episodio de gripe ¿A? que me deixou máis baleiro de contido que de costume, volvo para mirarme de novo o embigo e desatoa-lo ollo da pechadura do mundo. Pasaron moitas cousas e hai que poñerse ó día. Ata outra mellorada.

domingo, 19 de diciembre de 2010

Tragaldabas

            Os medios de comunicación son como bocas infindas que engulen todo o que poden, tritúrano, mastígano con abundante cuspe, dixéreno cos abondosos ácidos do seu organismo e despois evacúano.Son omnívoros porque nada lles é alleo, comen cos ollos e o bandullo; na súa dieta cabe a mediterránea, a atlántica, a comida-lixo e tamén a vexetariana en tódalas súas variantes. Os seus límites son xa veciños da liña do horizonte. Nunha constante trasfega moven historias que logo fan desaparecer nun pispás. De aí que en moitísimas ocasións poñan o seu punto de mira en parvadas. E se falamos dos medios dixitais aínda  teriamos que esaxera-lo diagnóstico.
            Un exemplo: recentemente unha galega ocupou contraportadas e mesmo espazos e minutos en medios estranxeiros por rexistra-la propiedade do Sol. A noticia deu tantas voltas que xa houbo alguén noutro lugar do planeta que ergueu o dedo para retrucar que a propiedade do astro rei xa a tiña rexistrada el. Só se me ocorre pedirlles a ambos danos e prexuízos polos males causados polo sol como as secas, os incendios ou os cancros de pel. Imaxino a cantidade de asuntos que poderían enche-los espazos dedicados a eses iluminados, aínda que eu mesmo neste humilde blog incorra na contradición de dedicarlles unhas breve liñas.

martes, 14 de diciembre de 2010

Fada

Fada é unha especie de palabra mundo que adobiamos de acompañantes para facela substantiva.As máis das veces ten connotacións negativas. Fálase de ter fada de seu, de nacer coa sorte revirada coma os meniños do Sahel, ou de "seica te viu unha mala fada", que se podería aplicar a un  ZP metido nas turbulentas augas da crise. Pero tamén un adxectivo se presta a guia-la intención do vocábulo porque se pode nacer con boa ou mala fada, esa distancia que cada vez se agranda máis entre os "berlusconis" e os desherdados da vida. E mesmo nalgún caso a palabra impón unha fasquía ilusionante como cando se di "poucas han ser as malas fadas", como rosma arreo un Rajoy desesperado por chegar á Moncloa.Pois iso, que boas fadas vos faden.

domingo, 12 de diciembre de 2010

I work hard for the money

El dinero fabrica conversos, retuerce las entrañas ideológicas de las personas y transforma la materia humana. La sociedad moderna ha consagrado la búsqueda de la riqueza como un valor moral. Son las gafas y la vara de medir del mundo; el tanto tienes, tanto vales.Y así nos luce la calva, preñada de conformismo. La sombra del dinero, como la del ciprés, es alargada y cobija bajo su copa la verdadera piel de la codicia, ese deseo vehemente que mueve la existencia de muchos.
     En medio de esta crisis ideológica impuesta y después de tantas agoreras sentencias todavía tenemos que leer que esos bancos a los que se ha salvado de la soga con dinero público, reparten bonus entre sus directivos. O que algún gurú de la cosa económica, algún premio nobel por ejemplo, asegura que las prestaciones por desempleo desincentivan la búsqueda de un nuevo trabajo y , por lo tanto, es mejor acabar con ellas porque los estados no pueden aumentar su déficit público gastando en menudencias.Se me viene a la mente la imagen del padre/madre con cargas familiares, tumbado en una hamaca entre palmeras, despreocupado porque durante dos años va a cobrar unos desorbitados mil euros que le van a permitir todas las fantasías posibles.
     Es el próximo objetivo de estos rapiñadores de sueños: acabar con la  llamada sociedad del bienestar, algo todavía incipiente y que quieren segar de raíz ejemplares humanos como nuestro querido profesor de Georgetown.


  
  

miércoles, 8 de diciembre de 2010

Inauguración

     Metín o po debaixo da alfombra, deille lustre ós zapatos cun pouco de cuspe, tirei de nó windsor para a gravata que tiña arrombada no armario da habitación e axustei o chapeo  na cachola; feito un manequín, coa roupa dos domingos, dispúxenme para unha inauguración solemne. Estaba só, solemnemente só, fronte á pantalla do ordenata e coa vaidade no corpo de pensar que alguén tiña interese en ler algo do que deixe aquí escrito. Onanismo intelectual: vanitas vanitatum et omnia vanitas.
     Conxurei as musas de Roberto Bolaño que agora xa non precisa e debruceime sobre o teclado para acariñalo e deitar estas palabras…E despois dos fastos, o po volveu cubrir co seu dedo a superficie das cousas e os atributos engalanados perderon a súa brillante versión para recupera-la súa fasquía cotiá. Como a vida mesma que se move entre festa e festa.