domingo, 19 de diciembre de 2010

Tragaldabas

            Os medios de comunicación son como bocas infindas que engulen todo o que poden, tritúrano, mastígano con abundante cuspe, dixéreno cos abondosos ácidos do seu organismo e despois evacúano.Son omnívoros porque nada lles é alleo, comen cos ollos e o bandullo; na súa dieta cabe a mediterránea, a atlántica, a comida-lixo e tamén a vexetariana en tódalas súas variantes. Os seus límites son xa veciños da liña do horizonte. Nunha constante trasfega moven historias que logo fan desaparecer nun pispás. De aí que en moitísimas ocasións poñan o seu punto de mira en parvadas. E se falamos dos medios dixitais aínda  teriamos que esaxera-lo diagnóstico.
            Un exemplo: recentemente unha galega ocupou contraportadas e mesmo espazos e minutos en medios estranxeiros por rexistra-la propiedade do Sol. A noticia deu tantas voltas que xa houbo alguén noutro lugar do planeta que ergueu o dedo para retrucar que a propiedade do astro rei xa a tiña rexistrada el. Só se me ocorre pedirlles a ambos danos e prexuízos polos males causados polo sol como as secas, os incendios ou os cancros de pel. Imaxino a cantidade de asuntos que poderían enche-los espazos dedicados a eses iluminados, aínda que eu mesmo neste humilde blog incorra na contradición de dedicarlles unhas breve liñas.

No hay comentarios: